Concello
Publicada a listaxe provisional de beneficiarios do fondo de financiamento do programa PEL-Reactiva
01/03/2021
O Concello continúa avanzando no procedemento de concesión das axudas do fondo de financiamento para a reactivación económica e social (PEL-Reactiva) impulsado pola Deputación da Coruña e ao que se adheriu o Concello da Laracha co propósito de contribuír a paliar as consecuencias econonómicas que a crise do coronavirus supuxo para as microempresas e persoas autónomas. A tramitación administrativa está a ser ardua debido tanto á cantidade de solicitudes presentadas como á complexidade da documentación requirida, motivo polo cal o prazo de resolución definitiva das achegas foi ampliado ata o 12 de abril.
Este luns publicáronse na web municipal (sección: avisos) as relacións provisionais tanto de beneficiarios como das solicitudes desestimadas por excederse a contía máxima de financiamento dispoñible ou por non cumprir algún dos requisitos do programa. O procedemento de concesión é por concorrencia competitiva e a valoración das solicitudes de cada candidato realizouse segundo os criterios puramente técnicos fixados nas bases aprobadas pola Deputación da Coruña.
Unha vez publicadas estas listaxes provisionais, os solicitantes teñen un prazo de dez días para subsanar deficiencias ou presentar as reclamacións que estimen oportunas. A continuación publicaranse as listaxes definitivas, abríndose o prazo para que os beneficiarios presenten a documentación requirida de xustificación das axudas. Por último, procederase ao pagamento.
Este fondo de financiamento da Deputación da Coruña e do Concello da Laracha está dotado con 148.500 euros. Cada beneficiario percibirá unha achega dun mínimo de 1.500 euros e un máximo de 3.000 euros.