• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta á Xunta dous novos proxectos de obradoiros de emprego

25/02/2021

O Concello da Laracha continúa apostando pola organización de obradoiros de emprego como a mellor das oportunidades para alcanzar o triplo obxectivo de crear postos de traballo, mellorar a formación profesional de persoas que se atopan en situación de desemprego e realizar obras e actuacións de interese xeral en infraestruturas e equipamentos públicos.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse presentar á Consellería de Emprego e Igualdade dous novos proxectos de obradoiros de emprego ao abeiro das convocatorias de axudas para o desenvolvemento deste tipo de programas.

Un deles sería o sétimo dual que organizaría en solitario o Concello da Laracha. Constaría de dúas especialidade, a de pintura industrial en construción –que centraría as intervencións a levar a cabo en edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal- e a de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. O proxecto prevé a participación de vinte alumnos traballadores durante nove meses. Está valorado nun total de 345.000 euros.

O outro proxecto trátase dun obradoiro de emprego xuvenil (dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade que figuren no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil) que tamén constaría de dúas especialidades, a de montaxe de mobles e elementos de carpintería e a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes encargaríase. Os traballos a realizar estarían centrados na posta en valor do castro de Montes Claros, a renovación do mobiliario urbano en diferentes localizacións do termo municipal e a construción dunha caseta móbil para o equipo de salvamento e socorrismo que presta servizo cada verán na praia de Caión. O número de alumnos traballadores sería de vinte e a duración do programa, de doce meses. O orzamento supera os 552.000 euros.

En ambos casos, tanto no obradoiro dual como no xuvenil, contaríase cun equipo formado por cinco persoas (director, mestres de cada especialidade, mestre titor e auxiliar administrativo).

Plan de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas

Na Xunta de Goberno Local tamén se definiron as actuacións que o Concello incluirá no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (DOG núm. 19 do 29 de xaneiro).

Con cargo a este programa o Concello percibirá 61.509 para cofinanciar un amplo proxecto valorado en preto de 74.000 euros e que inclúe catro intervencións diferenciadas en vías municipais que discorren por A Ferreira (parroquias de Montemaior e Soandres), San Fins de Arriba en dirección á estrada CP-2404 (Montemaior), entre A Costa e Tuixe de Abaixo (parroquias de Cabovilaño e Lemaio) e unha última intervención que daría continuidade á anterior nunha vía de Tuixe de Abaixo.

Os camiños onde se levarán a cabo as actuacións dan acceso a un gran número de parcelas agrícolas. As obras proxectadas teñen por finalidade mellorar o firme e a drenaxe, facilitar a circulación e aumentar a seguridade viaria.

Programa municipal de axudas para paliar os efectos da Covid-19

Autorizouse o pagamento de 29.400 euros en axudas do programa municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19, dirixida a empresarios e autónomos do termo municipal da Laracha que foran obrigados a suspender a apertura ao público ou que sufriran minoración da súa facturación debido ao decreto do estado de alarma.

Deste xeito dáse por concluído o programa a través do que o Concello aboou un total de 129.300 euros en axudas a 159 beneficiarios que, dependendo do número de traballadores da empresa, percibiron entre 600 e 2.100 euros. Agora terán de prazo ata o 20 de marzo para xustificar estas achegas municipais.