• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia os trámites urbanísticos necesarios para a futura ampliación do centro de día e fogar residencial

24/02/2021

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que se celebrará mañá está previsto, entre outros asuntos, aprobar con carácter inicial a modificación do estudo de detalle da parcela que alberga o centro de día e o fogar residencial públicos da Laracha.

O obxecto deste trámite é a adecuación de certos parámetros urbanísticos -como a tipoloxía, altura e ocupación máxima en planta sobre rasante- ás determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin último de adaptar o planeamento da parcela para posibilitar, no futuro, a ampliación desta infraestrutura pública dirixida a mellorar a calidade de vida das persoas maiores que requiren de coidados e, por tanto, tamén das súas familias.

A modificación non suporá alteracións no destino urbanístico do solo, nin parcelacións do mesmo, e tampouco implica a redución de superficies destinadas a infraestruturas viarias, espazos libres ou dotacións.

Unha vez aprobado con carácter inicial pola Xunta de Goberno, o documento estará un mes en exposición pública antes de elevar a súa aprobación a definitiva.

Actualmente o fogar residencial da Laracha ten cubertas a totalidade das dezaoito prazas ofertadas para persoas maiores dependentes que precisan dunha atención integral e cuxa estancia é continua e permanente.

No centro de día o número de prazas é de 25,5, das cales nestes momentos hai cubertas 17. Neste caso trátase dun servizo de apoio ás familias no que se presta durante o día atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no contorno familiar habitual.

O centro de día e o fogar residencial da Laracha forman parte da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sendo xestionados, por tanto, pola Xunta de Galicia.