Concello
O obradoiro de emprego inicia a formación práctica
22/02/2021
O Obradoiro de Emprego A Laracha VI xa completou o primeiro mes e medio de actividade centrada prioritariamente na formación teórica, que desde agora compaxinan coa fase práctica consistente no desenvolvemento das primeiras actuacións sobre o terreo e no taller.
Na xornada de hoxe a especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes comezou os traballos de acondicionamento dunha ampla parcela municipal situada xunto o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, desprazáronse ata ese lugar para manter un encontro tanto co alumnado como coa directora e o mestre e coñecer de primeira man as actuacións que se están a levar a cabo. Nos próximos meses outras intervencións que realizarán centraranse na zona verde situada nas inmediacións do parque empresarial e a área recreativa de Gabenlle, onde porán en valor os espazos públicos repoboándoas de árbores e vexetación autóctona e dotándoas con mobiliario urbano co propósito de mellorar as súas condicións para promover o seu uso e disfrute por parte da cidadanía.
Ao mesmo tempo, a especialidade carpintería e moble tamén comezou a aprendizaxe teórica, pero neste caso traballando no taller habilitado polo Concello nun dos edificios municipais do parque empresarial. Os proxectos que executarán son a mellora do paseo fluvial do Anllóns, a renovación do mobiliario urbano e a creación dun novo peche perimetral da parcela do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.
Cabe lembrar que son vinte e cinco persoas as que forman parte deste programa dual de formación e emprego. Vinte son os alumnos traballadores –dez en cada especialidade- e outras cinco persoas forman o equipo directivo, formativo e administrativo composto por unha directora, un mestre para cada especialidade, un mestre/titor e un auxiliar administrativo.
Os vinte alumnos traballadores, vinculados ao Concello cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración económica durante os nove meses de duración do Obradoiro de Emprego e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.