• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello destinará máis de un millón de euros á nova licitación dos servizos de limpeza viaria e xestión do punto limpo

06/02/2021

O Concello sacará a licitación nos próximos días os novos contratos de xestión do punto limpo e do servizo de limpeza viaria por un período de catro anos (dous prorrogables por outros dous máis) e un valor estimado de 943.799,62 euros máis o imposto de valor engadido (IVE).

Os pregos que rexerán o procedemento serán publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público e nese momento abrirase o prazo para a presentación de ofertas, estando a participación limitada a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional. Co propósito de incrementar a competencia e facilitar a participación das pequenas e medianas empresas, a contratación estará dividida en dous lotes diferenciados.

Así, o lote 1 será o referido ao servizo de limpeza viaria e da praia de Caión. Alcanzará un importe de 660.882,52 euros máis IVE e incluirá o varrido manual nos núcleos urbanos (frecuencia diaria) e rurais, baldeo mecánico (limpeza mediante auga a presión), eliminación de herbas no borde da calzada, mantemento de papeleiras, intervencións especiais (caída da folla no outono, xornadas de feira en Paiosaco, festas populares, etc) e a limpeza da praia de Caión.

O lote 2, valorado en 282.917,10 euros máis IVE, inclúe a xestión das instalacións do punto limpo, o servizo de recollida de voluminosos a domicilio, a recollida dos colectores de papel-cartón, vidro e roupa e, por primeira vez, inclúese a xestión dos novos colectores de aceite de uso doméstico que serán implantados polo Concello.

En ambos casos as empresas que resulten concesionarias estarán obrigadas a subrogar o persoal actualmente adscrito a eses servizos.

Compartir: