• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello licitará nos próximos días proxectos de obras valorados en 484.000 euros

05/02/2021

O Concello ten previsto sacar a licitación nos próximos días tres proxectos de mellora das infraestruturas públicas que suman un importe total de 484.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.

A actuación de maior orzamento -243.500 euros- consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e O Pereiro e forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo. Está proxectado o ancheamento da plataforma da estrada para dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil para reforzar a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións. Ao mesmo tempo que se licita o proxecto continuarase avanzando no procedemento de expropiación dos terreos afectados –xa aprobado con carácter definitivo-, no que o Concello inviste outros 44.000 euros.

Outro proxecto de mellora da rede viaria afectará á rúa Silverio Moreda da capital municipal, que enlaza dúas estradas vertebradoras das comunicacións rodadas como son a Avenida Fisterra (estrada AC-552) e a Avenida de Caión (estrada DP-1913). Actualmente está permitido o dobre sentido de circulación e existen tanto beirarrúas como zonas de aparcamento a ambas marxes. O Concello, consciente das dificultades que iso implica para o tránsito, establecerá o sentido único. O proxecto que se levará a cabo está valorado en 85.500 euros e contempla a ampliación das beirarrúas, melloras na iluminación pública e a completa sinalización en toda a rúa.

Tamén se sacará a licitación en breve o proxecto de construción do parque de skate no entorno do IES Agra de Leborís. Investiranse 155.000 euros na creación desta infraestrutura especialmente dirixida ao público xuvenil. O Concello está a converter este ámbito da capital municipal nunha nova área de referencia para a práctica deportiva, xa que ademais do parque de skate contará con dúas pistas polideportivas.