• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A BANDEIRA DE “PRAIA SEN FUME” ONDEA NO AREAL DE CAIÓN

20/07/2016

O areal de Caión súmase á Rede Galega de Praias Sen Fume impulsada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López, izaron xunto á entrada principal ao areal a bandeira que simboliza a adhesión á esta iniciativa, que permanecerá visible durante todo o verán.   

Por tanto, o Concello da Laracha promove que na praia de Caión non se fume en toda a zona do areal. Os obxectivos esenciais da campaña “Praias Sen Fume” son promocionar unha vida sen tabaco, reforzar o papel modélico-positivo dos pais cos seus fillos en torno ao consumo do tabaco e potenciar o respecto e coidado do medio ambiente.   

Tal e como se explica nos paneis e folletos informativos que están a disposición dos usuarios da praia de Caión, ao tratarse dunhas recomendacións de cumprimento voluntario non haberá controladores nin se aplicarán sancións, pero agárdase que a iniciativa teña o respaldo maioritario e voluntario das persoas que se acheguen ao areal durante o verán.   

Caión é unha das vinte e dúas praias de Galicia –a única da Costa da Morte- que se sumaron á Rede Galega de Praias Sen Fume.

Compartir: