• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Sergas realizará o cribado para a detección da covid á poboación larachesa de entre 15 e 65 anos

02/02/2021

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizará á poboación larachesa un cribado masivo mediante test de saliva para a detección do coronavirus. Serán citados vía mensaxe de texto (SMS) os 5.453 cidadáns de idades comprendidas entre os 15 e os 65 anos con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde da Laracha (incluído o consultorio de Caión), cun teléfono móbil asociado a ela, que non tivesen unha PCR positiva nos últimos tres meses e que non sexan persoal de residencias.

O sistema de recollida das mostras desenvolverase entre o xoves e o sábado no polígono industrial da Laracha, en concreto no aparcamento situado na parte posterior do viveiro de empresas. Ese foi o lugar escollido polo Concello e o Sergas considerando tanto a súa amplitude, que permite o traballo simultáneo de seis equipos e o establecemento de circuítos para que a entrada e saída dos vehículos sexa o máis fluída posible, e a posta a disposición do Sergas do propio edificio do viveiro de empresas, necesario para a xestión da loxística durante esas xornadas.

As persoas que sexan citadas deberán acudir dúas veces, a primeira para a recollida dos botes e a segunda, para a entrega das mostras. En ambos casos poderá presentarse un único membro da unidade familiar sempre e cando achegue os datos da tarxeta sanitaria e o número de teléfono de cada unha das persoas que foran citadas.

A franxa horaria da citación para a recollida dos botes será o xoves e o venres entre as 8:30 e as 19:30 horas. A entrega das mostras será ben o venres nese mesmo horario ou ben o sábado ata as 14:30 horas. Solicítase á cidadanía que se respecten os horarios asignados para facilitar o labor do persoal do Sergas.

Profesorado dos centros de ensino

Tras terse diagnosticado casos positivos por covid-19 no alumnado dos centros de ensino do termo municipal, o Concello solicitou que o profesorado tamén sexa citado para a realización da proba con independencia do seu lugar de residencia, o que foi aceptado polo Sergas.