Concello
Aprobada por unanimidade a proposta do goberno local para destinar os fondos do POS+2021
29/01/2021
Hoxe celebrouse a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de xaneiro. O acordo dos tres grupos municipais foi unánime no asunto máis destacado, referente ao destino que dará o Concello aos diferentes tipo de achegas que percibirá con cargo ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único Concellos) POS+2021. En total serán 867.046,71 euros divididos en tres achegas con diferentes finalidades.
Unha delas, que ascende a 329.535,06 euros máis a aportación económica municipal, destinarase a obras de investimento na rede viaria municipal nos seguintes núcleos de poboación:
- Parroquia de Soandres: O Priorato, A Abeleira, Boimir, Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e Ponte da Veiga.
- Parroquia de Montemaior: O Batalo, Bardenlos, A Ferreira, Casas Longas, O Lorteiro e Pazos.
- Parroquia de Cabovilaño: Cardois.
- Parroquia de Caión: Goxán.
- Parroquia de Coiro: A Painceira.
- Parroquia de Lendo: O Campo da Porta.
- Parroquia de Vilaño: Vilanova.
Ademais 334.677,07 do POS+ resérvanse para gasto corrente e outros 202.834,58 euros, que corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios, irán dirixidos á ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, convocatorias de axudas ás familias para sufragar gastos que faciliten a escolarización dos nenos (incluíndo adquisición de material informático e acceso a medios dixitais), fondo do emerxencia social (partidas orzamentarias destinadas a garantir a cobertura das necesidades básicas a colectivos vulnerables) e reforzar o persoal municipal técnico e administrativo adscrito ao departamento de servizos sociais.
Así mesmo, quedou definido o Plan complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que a Deputación da Coruña acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2021. Ten un orzamento total de 375.751,32 euros e inclúe actuacións nas parroquias de Vilaño (Ribela, Marfulo e A Piña), Lemaio (A Estrada, Tuixe de Arriba e Tuixe de Abaixo), Torás (A Barreira e O Campo), Erboedo (Cendón) e Golmar (Requesende e A Calvela).
Inventario de bens municipal
O Centro Comunitario “Costa da Morte” de Caión incorporouse ao inventario municipal de bens coa única abstención do grupo municipal nacionalista.
O alcalde explicou que a elaboración do inventario de bens municipais está delegada na Deputación Provincial da Coruña, pero que xa se incorpora o novo inmoble grazas ao acordo plenario alcanzado hoxe.
Orzamento municipal
A Corporación desestimou –coa única abstención do grupo socialista- a alegación aos orzamentos municipais presentada pola Unión Sindical Obrera na que se solicitaba a consolidación de determinadas prazas de emprego. López Varela afirmou que dita alegación “non está fundamentada e non ten encaixe dentro da cuestión económica dos orzamentos”. Así mesmo, lembrou que actualmente están en proceso de consolidación cinco prazas de emprego coas probas correspondentes xa fixadas para o mes de marzo.
Moción
Por último, salientar que foi aprobada por iniciativa do grupo do Partido Popular unha moción para instar ao Goberno de España a rebaixar o prezo da tarifa eléctrica.