• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O Concello organizará un concurso de disfraces de Entroido para participar desde a casa

30/01/2021

O Concello realizará durante a semana do Entroido un concurso de disfraces a través da rede social Facebook no que convidará a participar, desde os seus domicilios, a todas as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha.

Haberá tres categorías nas que os participantes poderán inscribirse dependendo do número de membros e das idades dos concursantes: individual infantil (ata 12 anos), individual adulto (maiores de 12 anos) e familiar (dous ou máis membros).

En cada categoría están establecidas dúas modalidades de premios, sendo unha delas decidida polo xurado nomeado polo Concello que valorará aspectos como a creatividade, orixinalidade, posta en escena e elaboración artesanal, e outra baseada no número de “gústames” que obteña dos usuarios de Facebook. En total repartiranse 1.390 euros en premios.

As persoas ou familias larachesas que desexen participar deben cubrir o formulario que estará dispoñible na web municipal a partir deste luns e ata o 15 de febreiro ás 12:00 h. Ese mesmo día publicaranse as fotos no Facebook. O prazo para votar rematará o 19 de febreiro ás 12:00 horas.

O Concello, tras anunciar recentemente a cancelación dos eventos tradicionais do programa de Entroido, porá en marcha este concurso para animar á cidadanía a celebrar as festas desde os seus domicilios e, por tanto, dun xeito responsable e plenamente seguro.

Ligazóns

Bases do concurso

Formulario de inscrición (prazo aberto ata o 15 de febreiro ás 12:00 h)