• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Sergas realizará un cribado masivo no Concello da Laracha a próxima semana

29/01/2021

O alcalde, José Manuel López Varela, na sesión plenaria celebrada hoxe, informou á Corporación municipal de que a Xunta de Galicia, trala solicitude presentada polo Concello, realizará un cribado masivo na Laracha tal e como lle avanzou hoxe o conselleiro de Sanidade.

Nos próximos días comunicarase a data concreta, o lugar no que se tomarán as mostras e a franxa de idade da poboación que será sometida ás probas.

Nas dúas últimas xornadas estabilizouse o número de casos de infección activa no termo municipal da Laracha (128) e reduciuse lixeiramente a cifra de casos diagnosticados nos últimos catorce días (127 hoxe, catro menos que onte). Sen embargo, a incidencia acumulada continúa superando a taxa de mil infectados por cada cen mil habitantes.

Desinfeccións en centros educativos

Tras ser diagnosticados casos positivos de covid en alumnos dos CEIPs Otero Pedrayo e Alfredo Brañas, o Concello reforzará o servizo de limpeza en ambos centros realizando ao longo desta fin de semana desinfeccións en cada unha das aulas e espazos comúns susceptibles de ter sido empregados polos nenos infectados co virus. Os traballos realizaranse en coordinación cos equipos directivos dos colexios.

Cabe lembrar que xa desde o inicio do curso escolar o Concello aumentara a frecuencia das limpezas diarias nos centros de ensino tanto durante o horario lectivo como despois das clases.

Así mesmo, o Concello tamén vén de realizar actuacións extra de desinfección na escola infantil A Galiña Azul da Laracha e no consultorio médico de Caión.