• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello pecha os parques infantís, as instalacións deportivas e os circuítos biosaudables

26/01/2021

Esta media noite entrarán en vigor en toda Galicia as novas medidas preventivas dirixidas a frear a terceira vaga de contaxios por coronavirus. Nestes momentos o Concello da Laracha presenta 125 casos de infección activa (un menos que onte) e 127 casos diagnosticados nos últimos catorce días (sete máis que onte), sendo a incidencia acumulada de máis de 1.100 por cada cen mil habitantes.

Hoxe celebrouse unha nova reunión da comisión municipal que realiza o seguimento da situación epidemiolóxica na que os responsables dos diferentes departamentos municipais consensuaron as medidas a levar a cabo polo Concello.

Un dos acordos foi o peche dos parques infantís, as pistas polideportivas descubertas e os circuítos biosaudables. A Policía Local precintará todas esas infraestruturas públicas para advertir da prohibición do seu uso.

Así mesmo, e de acordo co anunciado onte polo presidente da Xunta, a partir de mañá estarán pechadas todas as instalacións deportivas: os pavillóns (salvo durante o horario de uso dos centros de ensino), o complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, o campo de fútbol Municipal da Laracha e as pistas de pádel. A única excepción é o campo de fútbol A Porta Santa, xa que se permitirá o desenvolvemento dos adestramentos e a disputa dos partidos do primeiro equipo da U.D. Paiosaco que compite en categoría nacional (Terceira División).

Tamén se acordou o peche das tres bibliotecas e a suspensión temporal do servizo de aula lúdica municipal e do programa de reforzo educativo “Un paso adiante” que se leva a cabo no marco do programa “Educa en positivo”.

Sobre a feira de Paiosaco (a próxima será o 7 de febreiro), o Concello continuará permitindo a súa celebración coa limitación de que os postos ocupen a metade do seu espazo habitual.