• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello solicita á Consellería de Sanidade a realización dun cribado masivo entre a poboación larachesa

22/01/2021

O Concello da Laracha presenta hoxe 109 casos de infección activa por covid-19, cun incremento de once con respecto ao día de onte.

A incidencia acumulada nos últimos catorce días sitúase en torno aos novecentos casos diagnosticados por cada cen mil habitantes.

Ante estes datos preocupantes da evolución da pandemia no Concello, o alcalde, José Manuel López Varela, solicitou á Consellería de Sanidade a realización dun cribado masivo entre a poboación larachesa.

Considérase que esta medida, ademais doutras preventivas específicas que poidan establecer as autoridades sanitarias nos próximos días endurecendo as actualmente vixentes, sería beneficiosa para detectar casos e evitar a propagación do virus no termo municipal.

O Concello fai un chamamento á poboación para o escrupuloso cumprimento da normativa vixente e apela á responsabilidade individual tanto nos espazos públicos como nos privados como único modo de evitar os contaxios e aplanar a curva da terceira vaga.