• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello solicita participar en convocatorias de axudas para o departamento de servizos sociais e a contratación de persoal para a oficina de turismo

21/01/2021

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse solicitar a participación do Concello en dúas convocatorias de axudas promovidas pola Deputación Provincial da Coruña.

Unha delas consiste na adhesión ao programa provincial de financiamento dos servizos sociais comunitarios para o exercicio 2021 (BOP número 215 do 16 de decembro). O Concello pretende acollerse a dúas liñas de axudas: as relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento e, tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia. A contía da achega ao Concello da Laracha a través deste programa ascende a 223.639,60 euros.

Por outra parte, o Concello tamén solicita participar no programa de subvencións para financiar o gasto do persoal técnico das oficinas de turismo durante o ano actual (BOP nº 217 do 18 de decembro). Ademais da atención aos visitantes, entre as súas funcións tamén estará dirixir e planificar as estratexias municipais a seguir para dinamizar o turismo, poñer en valor os principais recursos e cooperar na organización de eventos.