• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Programa Integrado de Emprego logrou a inserción laboral de 53 participantes

16/01/2021

O programa integrado de emprego que se desenvolveu na Laracha baixo a organización do Concello e da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia concluíu deixando un balance de 53 participantes -35 mulleres e 18 homes- que lograron o obxectivo da inserción laboral e outros 47 que melloraron a súa empregabilidade ampliando a súa formación e competencias profesionais. Desde xeito superouse sensiblemente o propósito de inserción inicial, fixado no trinta e cinco por cento.

Este programa foi dirixido a cen laracheses que figuraban como demandantes de emprego no Servizo de Emprego Público de Galicia. O obxectivo esencial foi facilitar a súa inserción laboral por medio da realización dun conxunto de accións organizadas ao redor dun proceso individualizado dirixido ao crecemento persoal e profesional a través de accións de información, orientación, asesoramento, formación, prácticas en empresas e prospección e intermediación laboral. En todos os casos a formación impartíiuse nas aulas habilitadas no edificio administrativo da Laracha (teórica) e na nave municipal existente no parque empresarial (práctica).

Todas as accións desenvolvidas enfocáronse no deseño dun perfil profesional adaptado ás necesidades de cada participante e definindo os seus obxectivos laborais. As liñas de traballo estiveron baseadas en tres itinerarios profesionais: administración e servizos, actividades auxiliares de almacén e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Neste último itinerario, aqueles participantes que superaron a formación e realizaron con éxito as prácticas –ás que accederon tamén a través do programa integrado de emprego- recibirán o correspondente certificado de profesionalidade.

Por outra banda, leváronse a cabo cursos de diferentes temáticas co obxectivo de mellorar as competencias transversais en novas tecnoloxías e idiomas, así como a formación en técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego.

Durante a participación no programa os participantes gozaron de medidas de axuda á conciliación que puxo a súa disposición o Concello. Ademais, pola asistencia a cada acción formativa percibiron unha bolsa diaria.

Este programa integrado de emprego, o segundo que se levou a cabo na Laracha, é un exemplo máis das accións que en políticas activas de emprego desenvolven o Concello e a Xunta de Galicia.