• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DA LARACHA OBTÉN A “MATRÍCULA DE HONRA” EN DOAZÓN DE SANGUE NA COMARCA DE BERGANTIÑOS

20/07/2016

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López, presentaron o 19 de xullo no Salón de Plenos do Concello a campaña de verán de doazón de sangue que se desenvolverá co impulso e a colaboración municipal.   

Por segundo ano consecutivo os datos do Centro de Transfusión de Galicia indican que o Concello da Laracha presentou en 2015 a taxa máis alta da comarca de Bergantiños, alcanzando as 49 doazóns por cada mil habitantes (por encima da media provincial, que se sitúa en 46). En total, no exercicio pasado alcanzáronse no noso municipio as 562 doazóns, rexistrándose un incremento do 7,5% con respecto ao ano anterior.   

José Manuel López Varela considera que “os datos son moi positivos” e agarda que sirvan de “estímulo e implicación para que os nosos veciños continúen mostrando a súa solidariedade”. O rexedor municipal lembrou que o Concello colocou bandos nas instalacións públicas, ofrece información nas pantallas luminosas e nas redes sociais e que está en marcha unha campaña de buzoneo no casco urbano da Laracha –na que se repartirán en torno a dúas mil cartas nas vivendas- que se estenderá nos próximos días a Paiosaco, Caión e a determinadas urbanizacións doutras parroquias. Para rematar, agradeceu a todos os doantes o seu xesto solidario, pedíndolles que o repitan na campaña de verán e que “convenzan a familiares e amigos para facelo”.   

Marisa López comezou a súa intervención cun agradecemento ao Concello “pola colaboración que presta durante todo o ano” e tamén aos veciños “polo seu compromiso e solidariedade” que levou á Laracha a obter a “matrícula de honra na comarca de Bergantiños”, axustándose “moi folgadamente ás taxas de doazón recomendadas pola Organización Mundial da Saúde”.   

A directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos considera “unha honra” contar no Concello da Laracha con 1.500 doantes censados, aínda que mostrou a súa preocupación polo aumento da súa idade media, que se sitúa en torno aos 46 anos. É por iso que fixo un chamamento aos mozos e anunciou campañas de divulgación dirixidas á xuventude.   

Tamén lembrou que o verán é unha “época complicada” ao combinarse o descenso no número de doazóns e o aumento da demanda de sangue nos centros sanitarios para atender as urxencias. Referiuse especialmente aos grupos 0- e A+ como os que contan con menos reservas durante o último mes. Marisa López concluíu solicitando unha vez máis a cooperación da veciñanza considerando que “todos nos sensibilizamos cando un familiar ou amigo precisa deste tipo de acto solidario, e o ideal sería que nos anticipásemos a esas situacións”   

Co propósito de facilitar e promover a doazón de sangue no municipio, todos os meses do ano desprázase ata a Praza do Concello da Laracha unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. O xoves 21 e o venres 22 de xullo estará en horario de 10:00 a 14:30 pola mañá e de 16:00 a 21:00 h pola tarde.   

No mes de setembro, en datas aínda por concretar, estarán en Paiosaco e en Caión.

Compartir: