• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Completada a instalación das placas coas numeracións definitivas en todas as vivendas de núcleos rurais de Caión

13/01/2021

O Concello da Laracha completou a instalación dos indicadores coa numeración definitiva nas 169 vivendas que se sitúan en entidades de poboación rurais da parroquia de Caión. En cada casa foi colocada unha placa na que se identifica a parroquia, o núcleo exacto e o número definitivo no padrón municipal.

A instalación destas placas trátase da parte final da iniciativa impulsada polo goberno local e dirixida a recuperar a totalidade dos topónimos, o que tamén implica unha renumeración das vivendas do rural regresando ao ordenamento antigo (anos ‘90) que era máis óptimo e acorde ao correcto emprazamento de cada casa, e o reempadronamento dos veciños nos núcleos afectados. Ademais, posibilitará manter unha uniformidade nos indicadores ao longo de todo o termo municipal.

Ao rematarse o proxecto serán incorporados ao padrón municipal 73 novos topónimos para adaptarse ao total 311 de núcleos de poboación laracheses existentes no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). No caso de Caión, a parroquia conta agora con nove topónimos, dos cales tres (Alvite, Cima de Vila e O Pazo) foron incluídos no padrón grazas a esta iniciativa.

Unha actuación de similares características á que vén de realizarse en Caión xa se levara a cabo anteriormente nas parroquias de Coiro e Montemaior. A seguinte será Vilaño, cuxo proxecto xa está redactado. Nesta parroquia incorpóranse ao padrón 16 topónimos, que sumados aos 22 xa existentes dan un total de 38. Instalaranse placas en 405 vivendas.

Paralelamente está en fase de redacción o proxecto correspondente a Cabovilaño, onde a previsión é alcanzar os 44 topónimos e colocar preto de 500 placas.