Concello
O alcalde e o delegado da Xunta presentan o novo punto limpo móbil
12/01/2021
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Gonzalo Trenor, delegando da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, xunto aos edís José Ramón Martínez e Rocío López, presentaron hoxe o novo punto limpo móbil adquirido polo Concello coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG Núm. 92 do 13 de maio de 2020).
O vehículo, un camión de carga, está valorado en máis de 58.000 euros e presenta un consumo eficiente xa que os seus límites de emisión de dióxido de carbono se sitúan nos máis baixos do mercado.
Grazas a este equipamento mellorarase o servizo de recollida a domicilio de residuos especiais (voluminosos e perigosos) que se presta á cidadanía no termo municipal da Laracha.
Precisamente o Concello sacará a licitación nos próximos días os novos contratos de limpeza viaria e tamén da xestión do punto limpo e do servizo de recollida de voluminosos. A dispoñibilidade do camión de carga de titularidade municipal e a súa posta a disposición da empresa que resulte adxudicataria estará contemplada nos pregos, o que permitirá reducir o orzamento deste servizo.