• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Máis de 500 persoas acudiron ao punto limpo ou solicitaron o servizo de recollida de voluminosos no ano 2020

11/01/2021

Ao longo do ano 2020  a entidade que xestiona tanto as instalacións do punto limpo da Laracha como a recollida de voluminosos a domicilio -a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber)- atendeu a 509 usuarios que empregaron estes servizos municipais para desfacerse dos residuos que polas súas especiais características non poden ser depositados nos colectores de lixo.

En concreto, foron 430 persoas as que acudiron ás instalacións do punto limpo no Formigueiro e outras 79 as que solicitaron o servizo de recollida de voluminosos a domicilio. Os datos globais ao remate do ano presentan un lóxico descenso tanto no número de usuarios como do material recollido con respecto a 2019, pero tamén poñen de manifesto que o volume da actividade antes e despois do confinamento foi similar á doutros exercicios.

Como datos máis significativos, salientar que no punto limpo da Laracha foron recollidos e xestionados para o seu posterior tratamento en centros especializados:

  • 11,5 toneladas de voluminoso, correspondendo máis da metade a colchóns e sofás.
  • 11 toneladas de aparellos electrónicos, equipos informáticos e electrodomésticos (televisores, frigoríficos, conxeladores, ordenadores, radios, etc). 
  • 9 toneladas de restos de obras (tellas, metais, pintura, etc.).
  • 7,5 toneladas de madeira.
  • 457 quilos de vidro plano.
  • 600 quilos de aceites vexetais e minerais.
  • 358 quilos de plásticos duros (silo e invernadoiros).
  • 35 quilos de envases con restos de sustancias tóxicas ou perigosas.
  • 20 quilos fluorescentes desbotados.
  • 18 quilos de baterías e acumuladores.

Aspaber tamén se encarga da recollida dos contedores azuis e dos iglús verdes en todo o termo municipal da Laracha. Neses recipientes –ademais das cantidades pouco significativas levadas directamente ao punto limpo- os laracheses depositaron en 2020 un total de 181 toneladas de envases de vidro e 109 toneladas de papel e cartón.

O Concello da Laracha agradece á veciñanza o seu esforzo na separación dos residuos, unha cuestión esencial para facilitar o seu posterior tratamento e reciclado por parte de xestores especializados. Cabe lembrar que o punto limpo é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios situado xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano da capital municipal. Está aberta ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario de mañá. O servizo de recollida de voluminosos a domicilio tamén é gratuíto e pode concertarse cita poñéndose en contacto con Aspaber vía telefónica ou por correo electrónico.