• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello completa a execución dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética

08/01/2021

O Concello rematou a execución dos cinco proxectos de mellora da eficiencia enerxética que promoveu co apoio económico do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) –entidade pública dependente da Secretaría de Estado de Energía e adscrita ao Ministerio de Transición Ecológica- ao abeiro da convocatoria de subvencións para proxectos singulares promovidos por entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

Os proxectos tiveron por finalidade a substitución de luminarias por outras LED de última xeración. Pretenden o dobre obxectivo de reforzar a aposta municipal pola redución das emisións para combater o cambio climático e adelgazar o gasto enerxético sen minorar a calidade do servizo. Nos espazos exteriores os novos equipamentos tamén reducen a contaminación lumínica e, nos interiores, contan con reactancias electrónicas regulables que permiten diminuír a potencia da iluminación cumprindo cos requirimentos de calidade e confort visual.

As actuacións afectaron ao alumeado público dos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión (1.397 luminarias), núcleos rurais (2.493), entorno do parque empresarial (283), á renovación da iluminación interior en edificios (Casa do Concello, biblioteca municipal da Laracha e servizos múltiples) e ás instalacións deportivas de titularidade municipal (complexo deportivo municipal da Laracha e pavillóns do IES Agra de Leborís, Paiosaco e Caión).

Os cinco proxectos están valorados nun total próximo aos 1,2 millóns de euros, dos cales o vinte por cento é financiando con fondos municipais. Nos tres que afectan a espazos exteriores e tamén o dos edificios municipais a redución do gasto eléctrico anual estímase nun setenta e cinco por cento. Nas instalacións deportivas o aforro será dun cincuenta por cento. Isto tamén implicará que o Concello reduza nun trinta por cento a potencia necesaria para prestar o servizo. En vista destes datos, estímase que o investimento que realiza o Concello nestes proxectos estea amortizado nun prazo duns cinco anos.

O Concello continuará no futuro actuando na mellora do alumeado público, incorporando novos puntos de luz e ampliando o servizo especialmente naquelas zonas rurais nas que se están a construír novas vivendas.