• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

ASINADOS OS CONVENIOS COA DEPUTACIÓN QUE PERMITIRÁN RENOVAR AS PRAZAS DO CONCELLO E EDUARDO VILA FANO DE CAIÓN

20/07/2016

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o deputado provincial de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira, asinaron o 13 de xuño no Salón de Plenos os convenios de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña para o cofinanciamento dos proxectos de remodelación das prazas do Concello e Eduardo Vila Fano de Caión. No acto tamén estiveron presentes os concelleiros do grupo de goberno José Ramón Martínez Barbeito, Jesús Souto, Patricia Bello e Rocío López.   

O investimento total entre as dúas actuacións ascenderá a 250.000 euros (159.832,03 euros a praza Eduardo Vila Fano e 90.059, 63 euros a Praza do Concello). Segundo o acordo rubricado hoxe, a Deputación achegará o oitenta por cento do custe das obras (en torno a 200.000 euros) e o Concello farase cargo con fondos propios municipais do vinte por cento restante (uns 50.000 euros).   

A Praza do Concello, onde se sitúa a Casa Consistorial, conta cunha superficie de 1.780 metros cadrados onde actualmente se diferencian dous tipos de pavimento: un de lousas de granito –en cor grisácea, material de maior resistencia e durabilidade- e outro de pizarra –en ton negro e que se atopa deteriorado polo seu uso durante os últimos anos-. O proxecto respecta tanto o deseño actual da praza como todos os elementos existentes. A actuación céntrase na substitución do pavimento de pizarra por outro de granito e reparacións puntuais nas áreas que xa contan co granito, pero que presentan certos danos ou imperfeccións. O novo pavimento terá un máis óptimo e axeitado acabado para facilitar a mobilidade dos peóns en vista de que a pizarra está a sufrir certos problemas de humidades, especialmente nas zonas de sombra, coas incomodidades que iso implica para o tránsito a pé.   

No caso da praza Eduardo Vila Fano de Caión o ámbito de actuación é de 1.917 metros cadrados de superficie e contémplase a completa renovación do pavimento coa colocación dun novo de pedra, concretamente de adoquín pulido en toda a praza e na baixada ao porto e de lousas de granito na beirarrúa en continuidade coa xa existente. Ademais, realizaranse melloras na iluminación pública que resaltarán a importancia da praza como punto céntrico da vila, así como dos edificios históricos alí situados: a Igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro e o pazo dos Condes de Graxal.   

Trátase, por tanto, de dúas actuacións que suporán a renovación, embelecemento e reforzo da seguridade nestes puntos céntricos da capital municipal e da vila de Caión.

Compartir: