• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobado o proxecto de expropiación das fincas que albergan a carballeira de San Fins

25/12/2020

Na última sesión da Xunta de Goberno Local foi aprobado o proxecto de expropiación das fincas que albergan a carballeira de San Fins, na parroquia de Montemaior.

O documento delimita o ámbito territorial en canto a situación xeográfica, superficie e lindes, con descrición dos bens e dereitos afectados e a relación das persoas titulares dos terreos. En virtude do mesmo está previsto un investimento de 72.620,81 euros por parte do Concello para adquirir unha superficie de 21.716 metros cadrados repartidos en doce parcelas catastrais clasificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección natural polo sistema de espazos libres. A taxación foi realizada mediante a capitalización da renda anual da explotación segundo o seu estado. A tramitación é polo procedemento de taxación conxunta.

Continuando cos trámites administrativos, o acordo da Xunta de Goberno Local será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará un mes en exposición pública antes de elevarse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación. Así mesmo, notificarase aos propietarios dos terreos e abrirase o período de alegacións ao xustiprezo.

Unha vez completado o procedemento de compra dos terreos, o Concello ten proxectadas unha serie de actuacións dirixidas a poñelos en valor econatural e evitar o deterioro da carballeira de San Fins, un ámbito de especial riqueza ao albergar árbores autóctonas –principalmente, carballos e castiñeiros-, nalgúns casos centenarias. O dobre obxectivo último é conservar o patrimonio natural municipal e habilitar neste espazo unha nova área de ocio e esparexemento tanto para uso e disfrute da cidadanía larachesa como para aumentar o potencial turístico do municipio.

O alcalde, José Manuel López Varela, xunto aos concelleiros Jesús Souto e Patricia Bello, visitaron a carballeira de San Fins para coñecer o seu estado actual antes de que os terreos pasen a ser de titularidade pública.