• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello e a Confraría de Pescadores de Caión renovan o convenio de colaboración

27/12/2020

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e José Héctor Morgade Carracedo, Patrón Maior de Caión, rubricaron o convenio en virtude do que se renova a colaboración entre o Concello e a Confraría de Pescadores da localidade costeira nos mesmos termos que nos anos anteriores.

O convenio establece que o Concello da Laracha concede unha subvención nominativa de 5.000 euros, xa contemplada nos orzamentos municipais, dirixida a sufragar os custos do funcionamento e mantemento (gastos en persoal, limpeza, electricidade, etc.) do Arquivo da Pesca, museo que é propiedade da Confraría de Pescadores.

O Arquivo da Pesca por creado para poñer en valor o rexistro histórico da Confraría, dignificar o oficio dos pescadores e divulgar a cultura mariñeira. Atópase no baixo do edificio do pósito, en pleno paseo marítimo de Caión, e alberga os fondos do arquivo e unha exposición permanente que percorre a historia e a cultura mariñeira da vila a través da actividade pesqueira. Por medio de documentos, obxectos e paneis explicativos pódese coñecer o pasado de Caión, desde os antigos baleeiros ata a época dourada da pesca no século XX.