Concello
O Concello centra o programa municipal de Nadal en eventos culturais dirixidos ao público infantil
18/12/2020
O Concello presenta o programa de Nadal que, nun ano tan atípico como este, estará centrado principalmente en propostas culturais dirixidas ao público infantil e suprimirá os eventos máis multitudinarios das edicións anteriores. Organízase coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a través do programa de dinamización lingüística FalaRedes e tamén da Deputación da Coruña.
A programación municipal xa principiou durante esta semana nos centros de ensino co festival de teatro infantil no que participou o alumnado dos tres colexios. Para facilitar o distanciamento social, os espectáculos, a cargo de Talía Teatro, leváronse a cabo nos pavillóns dos CEIPs Otero Pedrayo e Alfredo Brañas. Ademais, Papá Noel estivo ao remate de cada función e obsequiou a cada alumno con dúas máscaras faciais infantís de tea co escudo do Concello gravado (tamén se entregaron ao persoal dos centros e ao alumnado e comunidade educativa do IES Agra de Leborís).
Tamén para o alumnado dos colexios foron dirixidos os concursos de postais e de contos de Nadal. Hoxe foi a valoración e os premios serán entregados o mércores da próxima semana.
Ademais, no concurso de escaparates, no que se convida a participar a todos os establecementos comerciais con escaparate exterior, o Concello repartirá 1.800 euros en premios.
O certame que non se vai realizar é o tradicional concurso de panxoliñas que cada Nadal enchía a Casa da Cultura de público para presenciar as actuacións das asociacións culturais e coros parroquiais.
Espectáculos en directo e cine
A primeira das obras de teatro que se realizarán irá dirixida ao público xuvenil e adulto (maiores de doce anos de idade). Trátase de Soa, que pon en escena a actriz Rogelia dos Outeiros. Será este domingo (20 de decembro) a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha.
Os demais eventos serán todos dirixidos ao público infantil, cos seguintes contidos, datas, horarios e lugares de celebración:
- 22 de decembro. Teatro: Monstros no camiño, de Fantoches Baj. Casa da Cultura da Laracha ás 17:30 h.
- 28 de decembro. Cine: A galiña Turuleca. Casa da Cultura da Laracha ás 17:30 h.
- 29 de decembro. Teatro: Cocer e cantar, de Títeres Seisdedos. Casa da Cultura da Laracha ás 12:00 h.
- 29 de decembro. Teatro: Os romeiros do caracol, de Fantoches Baj. Centro Sociocultural de Paiosaco ás 17:30 h.
- 30 de decembro. Teatro: Iván e o lobo gris, de Musicreques. Casa da Cultura da Laracha ás 17:30 h.
- 4 de xaneiro. Cine: Copito de nieve. Centro Sociocultural de Paiosaco ás 17:30 h.
En todos os casos a entrada é de balde ata completar a capacidade máxima da sala e deberanse cumprir todas as medidas de prevención (uso de máscara, hixiene das mans, etc). Debido a que o aforo é moi limitado, en todos os eventos infantís só se permitirá o acceso de nenos sen acompañamento de adultos no interior.
Cabalgata dos Reis Magos
As especiais circunstancias deste ano obrigan a modificar a tradicional cabalgata, que incluía festa infantil no pavillón do IES Agra de Leborís e concentración dos nenos cos Reis Magos nos tres núcleos urbanos que neste ano non se poderán levar a cabo.
Nesta ocasión realizarase un percorrido por todas as parroquias do municipio os días 4 e 5 de xaneiro. Deste xeito, os nenos poderán ver aos Reis Magos nas súas carrozas polas rúas tanto da zona urbana como dos principais núcleos rurais.
Consulta o cartel co programa de Nadal aquí.