• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobado con carácter definitivo o expediente de expropiación dos terreos afectados pola primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo

10/12/2020

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse elevar a definitiva a aprobación do expediente de expropiación dos terreos afectados pola primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo tras desestimarse as alegacións presentadas.

O Concello investirá 43.7078,96 euros na adquisición dos 2.696 metros cadrados de superficie –repartidos en catorce parcelas- que están afectados polo proxecto de mellora dos accesos cara o centro de ensino e reforzamento da seguridade viaria na zona. Consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e As Calzadas, dando continuidade á mellora da vía -xa realizada- entre O Pereiro e As Calzadas. O ancheamento da plataforma da estrada permitirá dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil para reforzar a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións.

O proxecto está valorado en 245.000 euros, que xa están consignados polo Concello nos orzamentos e que proceden integramente de fondos propios municipais. Cabe lembrar que, mentres se completa o procedemento de expropiación, o Concello realizou recentemente unha actuación provisional nesa estrada consistente no pavimentado da cuneta, permitindo gañar espazo para ser empregado tanto como zona de estacionamento durante o horario de entrada e saída ao colexio como para facilitar a circulación nesta vía de dobre sentido.

Aula mentor

Na sesión de hoxe tamén se acordou solicitar a participación do Concello na convocatoria de subvencións do Ministerio de Educación y Formación Profesional ás entidades locais para a creación de aulas Mentor.

Aula Mentor é un programa de formación en liña non regulada, flexible e con titorización personalizada que vai dirixido a personas maiores de 18 años. Dispón dun extenso catálogo de cursos cos que os beneficiarios poden ampliar as súas competencias persoais e profesionais.

Esta liña de subvencións ten por finalidade sufragar os gastos que suporía a posta a disposición da cidadanía dun local municipal co equipamento necesario para que as persoas que o desexen poidan acudir para realizar nel os cursos formativos.

Licencias urbanísticas

Salientar, por último, a concesión de dúas licencias urbanísticas, das cales unha é para a construción dunha vivenda unifamiliar en O Regado, na parroquia de Cabovilaño.