• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O PROGRAMA DE FORMACIÓN PARA MOCIDADE “DESEÑANDO O TEU FUTURO” DESENVOLVERASE NO MES DE AGOSTO

20/07/2016

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira delegada da área de Promoción Económica, Rocío López, mantiveron o 18 de xullo unha reunión na Casa da Cultura coa trintena de rapaces que participarán durante o mes de agosto no programa “Deseñando o teu futuro”.   

Esta iniciativa, que o Concello da Laracha organiza en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o tecido empresarial municipal, vai dirixida a mozos de entre 14 e 18 anos de idade, sendo unha excelente oportunidade para eles de adentrarse no coñecemento da actividade profesional mediante a observación e a realización de prácticas. Ante o interese mostrado pola mocidade en formar parte do programa foi preciso aumentar o número de prazas, xa que inicialmente se ofertaran vinte e ampliouse ata as trinta para dar cabida a todos os solicitantes.   

Os participantes tiveron plena liberdade para escoller o sector empresarial no que participarán, con posibilidades tan diversas como a hostalería, viveiros de plantas e horta, perruquería, criadeiro de mariscos, asesoría, farmacia, taller mecánico, confitería e animación infantil. Na reunión de hoxe os participantes puideron elixir –entre as empresas adheridas ao programa- o lugar no que realizarán as prácticas e o mellor horario para cada caso.   

A duración das estadías será de dúas semanas a realizar na primeira ou na segunda quincena do mes de agosto. Durante o seu labor estarán titorizados permanentemente por persoal das empresas e tamén do Concello para orientalos, asesoralos, formalos e axudalos a desempregar o traballo de xeito óptimo. Por cada xornada de traballo de catro horas os participantes recibirán unha compensación económica de seis euros. Ao rematar as prácticas os participantes recibirán o certificado homologado pola Xunta de Galicia co que poderán documentar oficialmente a experiencia adquirida.   

Desde o Concello da Laracha mostramos o noso agradecemento ás empresas e establecementos comerciais que colaboran na posta en marcha desta iniciativa, que permitirá aos participantes adquirir coñecementos que lles axuden a descubrir cal pode ser a súa vocación profesional e proporcionarlles a posibilidade de ter un primeiro contacto coa realidade socio-laboral, facilitándolles que adquiran unha experiencia para axudarlles a decidir a súa futura traxectoria.

Compartir: