• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello dota con novo mobiliario á area recreativa de Gabenlle

07/12/2020

A área recreativa de Gabenlle é un dos puntos de referencia turística do Concello. Situada á beira do río Anllóns, moi preto da vila da Laracha, trátase dun acolledor entorno natural rodeado de bosque autóctono e que dispón de servizos para os visitantes como parques infantís, grellas, bancos, mesas, zonas cubertas, espazos libres e aseos. Todo iso xunto ao inicio do paseo fluvial, unha pasarela de madeira que bordea o río ao longo dunha distancia de dous quilómetros e medio ata O Formigueiro.

O Concello da Laracha desenvolveu durante as últimas semanas unha serie de actuacións dirixidas a mellorar os equipamentos desta área recreativa para facela aínda máis atraínte e cómoda para os usuarios.

A última das intervencións consistiu na instalación de dez mesas con asentos tipo merendeiro que foron colocadas próximas ao itinerario peonil e a carón do río. Ao tratarse dun equipamento realizado en madeira, este novo mobiliario integrase á perfección no entorno no que foi situado. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, comprobaron persoalmente o resultado dos traballos.

Esta actuación realizada polo Concello complementa o proxecto desenvolvido recentemente co apoio económico da Axencia de Turismo de Galicia. Investíranse 43.000 euros na renovación completa dos aseos e a súa adaptación para persoas con diversidade funcional, a mellora da accesibilidade coa creación de novos itinerarios peonís no interior da área recreativa e a cubrición das grellas cunhas estruturas similares ás que xa existían noutros puntos do recinto.

Tamén recentemente foron renovados os aparellos do parque biosaudable existentes na área de esparexemento.

Con estas tres intervencións o Concello actúa para aproveitar ao máximo o potencial turístico deste espazo natural e poñer en valor o río Anllóns ao seu paso polo termo municipal da Laracha.