• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Policía Local da Laracha súmase á campaña especial da DGT sobre control de alcohol e drogas en condutores

04/12/2020

A Policía Local da Laracha intensificará a próxima semana o control sobre a taxa de alcohol e a presenza de drogas nos condutores de vehículos. Deste xeito sumarase á campaña especial impulsada pola Dirección General de Tráfico (DGT) e que se desenvolverá do luns 7 ao domingo 13 de decembro.

Segundo os datos da DGT, o alcohol está presente como factor concorrente ou desencadeante nun terzo dos accidentes mortais, multiplica ata por quince o risco de sufrir accidentes e repercute nunha maior mortalidade ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Ademais, conducir despois do consumo de substancias psicoativas é un comportamento de extremo risco viario que se detectou en maior medida nas zonas urbanas que nas vías interurbanas, polo que o papel da Policía Local cobra aínda unha maior relevancia.

En definitiva, a campaña que se desenvolverá a semana que vén márcase por obxectivo concienciar sobre los efectos negativos que o consumo de alcohol e drogas supoñen á hora de conducir un vehículo.