• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno aproba o plan de acción municipal do “Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía”

27/11/2020

Hoxe celebrouse o Pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. A sesión comezou coa lectura por parte do alcalde, José Manuel López Varela, dun manifesto de rexeitamento da violencia de xénero que foi rubricado polos tres grupos políticos. Fíxose como un dos actos municipais en conmemoración do 25 de novembro. Nese sentido, e tal e como é tradicional antes do inicio de cada Pleno ordinario, gardouse un minuto de silencio polas 41 mulleres asasinadas en España no que vai de ano polas súas parellas ou exparellas.

O Pleno aprobou de xeito unánime  o Plan de acción municipal no que se detallan as iniciativas a levar a cabo nos próximos anos para acadar os obxectivos do Pacto das Alcaldías para o clima e a enerxía que impulsa a Unión Europea e ao que está adherido o Concello da Laracha.

O documento aprobado hoxe presenta dúas partes diferenciadas. Por un lado está o Plan de Acción para a enerxía sostible, que ten como obxectivo a descarbonización do territorio municipal reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40% para o ano 2030 e colocar ao Concello na senda de alcanzar a neutralidade climática en 2050. As iniciativas están centradas no fomento das enerxías renovables, a mobilidade sostible, o aumento da eficiencia enerxética en edificios, instalacións e equipamentos públicos e a información e concienciación dos empregados públicos e da cidadanía en xeral.

A segunda parte do plan de acción refírese á adaptación ao cambio climático e foi definida a partir dunha avaliación de riscos, vulnerabilidades e fortalezas. Para facer fonte aos impactos que poida provocar o clima, prográmanse unha serie de accións que farán da Laracha un municipio menos vulnerable no futuro.

O Plan tamén aborda o reto da dar unha axeitada resposta á pobreza enerxética, con tres accións previstas centradas na organización interna municipal, comunicación e participación, e concienciación e sensibilización.

O outro acordo alcanzado no Pleno –neste caso, coas abstencións dos grupos do PSOE e do BNG- foi a aprobación da Conta Xeral do exercicio económico 2019. O alcalde explicou que esta cuestión se elevou ao Pleno “unha vez rematado o período de exposición pública, sen terse presentado ningunha alegación e contando con todos os informes favorables”.  

Así, o orzamento do ano pasado péchase en 10.340.781,41 euros no capítulo de ingresos e de 9.638.053,33 euros no de gastos. O remanente de tesourería ao peche do exercicio económico 2019 situouse nos 3.273.596,95 euros. Gran parte desa cantidade foi incorporada aos orzamentos deste ano para o financiamento de investimentos en infraestruturas municipais e plans de axudas ao tecido comercial para paliar os efectos da crise do coronavirus.

José Manuel López Varela concluíu afirmando que a Conta Xeral “recolle a saneada situación económica do Concello”.