• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Formalizado o contrato de execución do proxecto de urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga

28/11/2020

O alcalde, José Manuel López Varela, e o representante da empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L. –xunto ao edil de Obras Públicas, Jesús Souto, e o secretario do Concello- formalizaron o contrato de execución do proxecto de urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, no núcleo urbano da Laracha.

A actuación, que está valorada en preto de 245.000 euros, forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís. Inclúe a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, espazo de aparcamento, axardinamento, creación das redes de saneamento e abastecemento, canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública e tamén a sinalización horizontal e vertical, estando contemplado, entre outras medidas, un paso de peóns elevado.

Con esta intervención crearase unha circunvalación que conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray, mellorándose sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha.

A obra tamén permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto –pola parte posterior do centro- para os autobuses de transporte escolar, reforzándose así a seguridade para os seus usuarios.