• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicado a Siad 24 Galicia S.L. o novo contrato do servizo de axuda no fogar

26/11/2020

A Xunta de Goberno Local acordou, na reunión ordinaria celebrada hoxe, adxudicar a Siad 24 Galicia S.L. o novo contrato do servizo de axuda no fogar (SAF). Con este trámite complétase o procedemento de contratación ao que concorreron once empresas, senda a proposta da adxudicataria –precisamente a empresa que viña prestando o servizo no Concello da Laracha durante os últimos meses- a máis vantaxosa para os intereses da administración.

O novo contrato do SAF ten unha duración máxima de catro anos (dous prorrogables por outros dous máis) e un orzamento base total de 3.714.928,24 euros. Contempla a prestación anual de 12.000 horas de servizo básico e outras 47.334 de servizo de dependencia, sendo o prezo máximo por hora de 20,15 euros de luns a sábado e de 20,91 euros os domingos e festivos.

Os usuarios do SAF poderán beneficiarse do equipamento extra e dos servizos complementarios que ofertou a empresa adxudicataria. Ademais, o menor custo das horas que contempla o novo contrato implicará tamén unha redución no prezo do servizo para os usuarios do SAF por libre concorrencia. O persoal que se encargará da atención domiciliaria será o mesmo que viña prestando o servizo con anterioridade.

Salientar tamén que a Xunta de Goberno Local concedeu dúas licencias urbanísticas, unha delas para a construción dunha vivenda unifamiliar na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.