• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DA LARACHA PRESENTA Á MESA LOCAL DE COMERCIO O PROGRAMA DA 1ª FEIRA DE HORTICULTURA

12/07/2016

O Concello da Laracha organizará a mediados de agosto, coincidindo coas festas patronais da capital municipal, a primeira edición da Feira de Horticultura, unha novidosa iniciativa que se marca como obxectivos fundamentais a posta en valor dos produtos de horta laracheses e crear un incentivo turístico que beneficie a actividade comercial.   

O contido do programa foi exposto na Mesa Local de Comercio, na que estiveron representados o Concello da Laracha –nas figuras dos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López-, a Xunta de Galicia –en Alberto Vázquez Sanmartín-, ACSIL –na súa presidenta, Concha Iglesias- e a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios –Rosa Otero é a súa presidenta-.   

Rocío López detallou que a Feira de Horticultura terá lugar o sábado 13 de agosto na Praza do Concello. Nesta primeira edición os produtores soamente farán exposición, sen venda, dos diferentes tipos de froitas, verduras e hortalizas colleitados no termo municipal da Laracha.   

Para amenizar a xornada haberá unha exhibición de cociña (showcooking) para mostrar ao público presente os diferentes xeitos de preparar e realizar elaboracións con produtos da horta. Tamén haberá diversidade de actividades infantís, xa que se trata dun evento que desde o Concello da Laracha se animará a disfrutar en familia. Ademais, realizaranse mostras de artesanía que complementarán a exposición.   

O Concello da Laracha quixo implicar ao sector da hostalería, animando aos locais do casco urbano da capital municipal e poñer en marcha unha Ruta de pinchos elaborados con produtos da horta. Con esa finalidade xa se celebrara recentemente unha reunión cos responsables dos establecementos que formarán parte da iniciativa.   

Todos os membros da Mesa Local de Comercio coincidiron en valorar de xeito moi positivo o programa proposto polo Concello da Laracha e mostraron o seu desexo de que a Feira de Horticultura se consolide como un evento de referencia no municipio.

Compartir: