• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello saca a licitación o subministro dun camión de carga para empregalo como punto limpo móbil

24/11/2020

Co obxectivo fundamental de mellorar o servizo de recollida a domicilio de residuos especiais (voluminosos e perigosos) que se presta á cidadanía no termo municipal da Laracha, o Concello vén de sacar a licitación o contrato para a subministración dun camión de carga que será empregado como punto limpo móbil.

Os pregos que rexen o procedemento poden consultarse na Plataforma de Contratación do Sector Público. Entre as características que debe cumprir o novo vehículo atópase o consumo eficiente xa que os seus límites de emisión de dióxido de carbono situaranse nos máis baixos do mercado. O importe máximo será de 58.080 euros (IVE engadido). O prazo para presentar as ofertas rematará o día 3 de decembro.

Para a adquisición deste novo equipamento, o Concello conta coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG Núm. 92 do 13 de maio de 2020).