• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Presentado o programa “Eu implícome contra a violencia de xénero” co que o Concello conmemorará o 25 de novembro

19/11/2020

O 25 de novembro conmemórase o Día internacional contra a violencia de xénero. En torno a esa data, o Concello desenvolve todos os anos unha programación municipal específica sobre esta temática que complementa as diferentes iniciativas, actos e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado para loitar contra esa lacra social, apoiar ás vítimas e mostrar tolerancia cero cos maltratadores.

Baixo o lema Eu implícome contra a violencia de xénero, esta mañá presentouse a campaña municipal que xa está en marcha e que está adaptada ás circunstancias actuais, permitindo a participación cidadá tanto de xeito individualizado como familiar. Tamén é fundamental a implicación do tecido comercial local.

Eu implícome contra a violencia de xénero consta de tres partes diferentes e complementarias entre si. O proxecto Xanelas consiste na distribución de carteis ríxidos e adhesivos en formato globo de cómic con frases inspiradoras e potentes contra a violencia de xénero para colocar nas fachadas exteriores dos locais comerciais e das vivendas particulares que o soliciten. As persoas ou empresas que desexen participar deben cubrir o formulario, dispoñible na web municipal, e recibirán o seu cartel de xeito gratuíto. Precisamente esta mañá o alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Igualdade, Rocío López, a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, Ana Aldao, e persoal municipal que coopera no desenvolvemento da campaña posaron na Praza do Concello cos carteis que se distribuirán por moi diversos puntos do municipio, tanto en edificios como en espazos públicos accesibles á poboación.

O proxecto Selfie é a iniciativa que se levará a cabo a continuación. Consiste nun concurso no que as persoas que desexen participar deben sacarse unha fotografía xunto ao globo de cómic coa frase que considere mellor representa o seu sentimento de rexeitamento á violencia de xénero e enviala ao Concello vía correo electrónico para ser publicada no Instagram @Xuventudealaracha. As tres imaxes que obteñan máis “gústame” entre o 23 e o 30 de novembro serán premiadas cunha tableta, un reloxo intelixente e un altofalante portátil. Con esta concurso preténdese a divulgación viral da campaña de concienciación especialmente entre os colectivo dos mozos, acostumados a comunicar a súas ideas e pensamentos nas redes sociais.

A terceira das iniciativas de Eu implícome contra a violencia de xénero consiste na distribución de bolsas e de máscaras de cor violeta que levan gravado sobre un lazo o lema “Eu implícome” e o escudo do Concello da Laracha.

Obra de teatro

O programa municipal en torno ao 25 de novembro tamén inclúe unha función dentro dos Venres Teatrais relacionada coa temática da violencia de xénero. Será o 4 de decembro con Soa, espectáculo protagonizado por unha muller maltratada física e psicoloxicamente á que dá vida a actriz Rogelia dos Outeiros. A peza está dirixida por Fran Rei e inspirada no monólogo de Darío Fo La donna sola. Neste caso o Concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia dentro do programa FalaRedes e do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.

Adhesión ao proxecto A Costa das Mulleres do GDR Costa da Morte

O Concello da Laracha está adherido ao proxecto audiovisual do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte titulado A Costa das Mulleres, que ten por finalidade amosar o rol das mulleres e crear consciencia das autorías, das vidas e das historias das referentes locais e comarcais.

Inclúe unha serie de iniciativas, como a creación da marca propia Na Costa da Morte, rompemos o silencio, a gravación de microvídeos con temática da muller rural, a produción dun documental e a creación de xogos interactivos con cuestións relacionadas co coñecemento e recoñecemento da violencia de xénero e o ciberacoso.