• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha e Coregal modernizan e amplían o servizo de recollida selectiva de residuos

17/11/2020

Presentada no Concello de A Laracha a ampliación do servizo de recollida selectiva de residuos do que se encarga Coregal, centro especial de emprego de iniciativa social especializado na xestión integral de residuos. A este acto asistiron o Alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela, o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a entidade que promove Coregal, Anxo Queiruga, e a responsable do servizo de Coregal na zona, María Villar.

O servizo de recollida de residuos en A Laracha, que dende a súa adxudicación a Coregal dende o mes de xullo leva recollidas 24 toneladas, presenta como novidade a ampliación de 300 colectores que serán empregados para a recollida de envases lixeiros e para a materia inorgánica. Todos estes colectores contarán cun sistema de xeolocalización que permitirá que, tanto o Concello como Coregal, poidan optimizar as rutas de recollida, as posibles incidencias dos colectores e os lavados.

Outra das novidades é a renovación da nova flota que se encargará da recollida selectiva de residuos, presentada na Praza do Concello, constituída por 3 camións recolectores con carga traseira, dous deles con capacidade de 8 metros cúbicos e un deles con capacidade de 16 metros cúbicos, ademais dun vehículo multiusos de lavado e mantemento de colectores.

Estes catro vehículos foron adquiridos por Coregal en réxime de renting a través de CaixaBank, entidade financeira que ofrece a empresas e administracións solucións de mobilidade ecolóxicas, responsables e próximas, para xestionar todas as necesidades que xurdan ao longo da vida útil dos vehículos.

Coregal encárgase da recollida de residuos no Concello de A Laracha dende finais do mes de xullo, tras gañar o concurso público por período de cinco anos. Esta iniciativa empresarial de economía social que emprega a persoas con discapacidade, conta cunha planta de recollida de residuos situada en Carballo que presta servizo á comarca de Bergantiños. Actualmente, o cadro de persoal de dita planta está formado por 27 persoas traballadoras, das que 8 prestan servizo no Concello de A Laracha.