• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello desenvolve un amplo proxecto que inclúe a pintura de aparcamentos públicos e melloras na sinalización horizontal

18/11/2020

O Concello está a desenvolver un amplo proxecto que inclúe a pintura da sinalización horizontal en diversidade de puntos da rede viaria e das prazas de estacionamento en espazos públicos que son empregados como áreas de aparcamento de vehículos.

A intervención máis ampla realizouse en Erboedo, na ampla explanada de titularidade municipal situada nas inmediacións do Igrexario e xunto ao centro sociocultural desa parroquia. O ámbito –que tamén é empregado como campo da festa- é o lugar onde estacionan os vehículos especialmente durante as xornadas nas que se ofician actos relixiosos na igrexa parroquial de Santa María de Erboedo. O marcado das 75 prazas de aparcamento –tres delas reservadas para persoas con mobilidade reducida- permite reorganizar o espazo para ofrecer aos usuarios un mellor e máis óptimo aproveitamento do espazo dispoñible, facilitándose deste xeito a entrada e saída dos vehículos.

Os outros traballos de pintura centráronse no remarcado de pasos para peóns, sinalización horizontal, zonas excluídas ao tráfico, prazas de aparcamento e zona amarela en diversas localizacións do municipio. No núcleo urbano da Laracha actuouse na Avenida Manuel Fraga e nas rúas Eusebio Bértoa, Arxentina, Suíza, Santa Lucía, Río Bradoso e José Loureiro. En Paiosaco a intervención centrouse na Avenida Bergantiños. E en Cabovilaño traballouse na urbanización Monte Claro.

Ademais, no interior do CEIPs Otero Pedrayo e Alfredo Brañas realizouse o pintado dos itinerarios peonís establecidos como medida de prevención ante o coronavirus, incluíndo marcas viarias, símbolos e pictogramas.