Concello
Continúa aberto o programa de acollemento no viveiro de empresas do polígono industrial
09/11/2020
O Concello da Laracha lembra que continúa aberto o programa de acollemento no viveiro de empresas municipal do polígono industrial. As persoas interesadas deben presentar a súa instancia debidamente cuberta e acompañada da memoria que describa o proxecto para ter a posibilidade de acceder ben a unha das dúas naves ou ben a unha das oito oficinas que se ofertan no modelo coworking. O aluguer das naves terá unha cota mensual de 300 euros e o das oficinas, de 60 euros. En ambos casos incluirán servizo de recepción, telefonista, telefonía fixa, acceso a internet, correo electrónico, limpeza, seguro, alarma de vixilancia e emprego das zonas comúns (sala de reunións e aulas polivalentes). A estadía máxima é de doce meses prorrogables por outros seis máis.
Os criterios que se terán en conta para a concesión dos espazos dispoñibles serán a viabilidade da iniciativa, o número de empregos previstos, os medios financeiros e materiais, a formación dos solicitantes e o carácter innovador e tecnolóxico do proxecto.
Os requisitos que deben cumprir as empresas son ter o domicilio social e fiscal no Concello da Laracha, estar constituídas como máximo seis meses antes de presentar a solicitude ou tres meses despois da resolución da concesión do acollemento e presentar o proxecto que avale a viabilidade económica e técnica da iniciativa empresarial.
O contido do programa de acollemento de empresas no parque empresarial da Laracha pode consultarse ao completo na web municipal (www.alaracha.gal).
O Concello da Laracha considera que dispoñer dun espazo empresarial de calidade, con todos os servizos, cunha cota de aluguer reducida e integrado nun dos polígonos industriais con maior potencial de desenvolvemento no norte de Galicia será un impulso para que os emprendedores laracheses decidan dar o paso, levar a cabo o seu proxecto e xerar actividade económica e postos de traballo no termo municipal.