• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello amplía a plataforma da calzada nunha das estradas de acceso ao CEIP Otero Pedrayo

06/11/2020

No marco da primeira fase de ampliación de desenvolvemento do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo, o Concello ten proxectada a mellora dos accesos cara o colexio e o reforzamento da seguridade viaria na zona. A actuación prevista consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e As Calzadas, dando así continuidade á mellora xa realizada entre O Pereiro e As Calzadas. O ancheamento da vía permitirá dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil para reforzar a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións.

Este proxecto, valorado en 245.000 euros que xa están consignados para ese fin nos orzamento municipais, require previamente da finalización do procedemento de expropiación dos terreos necesarios para levalo a cabo. O Concello investirá preto de 44.000 euros na adquisición deses 2.696 metros cadrados de superficie.

Mentres se completa dito procedemento de expropiación que posibilitará executar o proxecto, o Concello realizou unha actuación provisional nesa estrada. Aproveitando as características da plataforma da calzada, levouse a cabo o pavimentado da cuneta, permitindo gañar espazo para ser empregado tanto como zona de estacionamento durante o horario de entrada e saída ao colexio como para facilitar a circulación nesta vía de dobre sentido.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, comprobaron persoalmente o resultado da intervención realizada e lembraron que se trata soamente dunha actuación previa á execución do proxecto máis amplo, que se realizará cando o Concello dispoña dos terreos afectados.