• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello desenvolverá un novo obradoiro de emprego coa colaboración da Xunta de Galicia

07/11/2020

O Concello da Laracha continúa actuando no desenvolvemento de políticas activas de emprego e ofrecendo á veciñanza oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e formarse en sectores con demanda de traballadores cualificados.

Unha das novas iniciativas que se porá en marcha será o Obradoiro de Emprego A Laracha VI, o sexto programa dual de formación e emprego que organizará en solitario o Concello co apoio da Xunta de Galicia, que vén de comunicar a resolución pola que se concede a achega económica necesaria para o desenvolvemento do programa ao abeiro da convocatoria de axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 2020).

O Obradoiro de Emprego A Laracha VI terá unha duración de nove meses e constará de dúas especialidades con dez alumnos-traballadores en cada unha delas. Ademais, o equipo directivo, formativo e administrativo estará composto por un director, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre/titor e un auxiliar administrativo. Por tanto, en total serán contratadas un total de 25 persoas.

Unha das especialidades será a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Os proxectos que realizarán consistirán na posta en valor de zonas verdes públicas repoboándoas de árbores e vexetación autóctona e dotándoas con mobiliario urbano co propósito de mellorar as súas condicións para promover o seu uso e disfrute por parte da cidadanía. As principais intervencións serán na zona verde situada nas inmediacións do parque empresarial e a área recreativa de Gabenlle.

A outra especialidade será a de traballos de carpintería e moble. Encargarase da mellora do paseo fluvial do Anllóns –dando continuidade ao proxecto que está a executar actualmente o Obradoiro de Emprego A Laracha V- e tamén da renovación do mobiliario urbano e do peche perimetral da parcela do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.

En próximas datas o Concello iniciará os procesos selectivos. As persoas que desexen optar a un dos postos de alumnos-traballadores deben estar empadroadas no termo municipal da Laracha, atoparse en idade laboral e estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.

Os vinte alumnos traballadores, vinculados ao Concello cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración económica durante os nove meses e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.