• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello conmemorará o 25 de novembro co programa “Eu implícome contra a violencia de xénero”

04/11/2020

O 25 de novembro conmemórase o Día internacional contra a violencia de xénero. En torno a esa data, o Concello desenvolve todos os anos unha programación municipal específica sobre esta temática que complementa as diferentes iniciativas, actos e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado para loitar contra esa lacra social, apoiar ás vítimas e mostrar tolerancia cero cos maltratadores.

Nesta ocasión a situación epidemiolóxica non permite a celebración de eventos multitudinarios como os que se levaron a cabo en pasadas edicións. O programa deste ano, titulado Eu implícome contra a violencia de xénero, está adaptado ás circunstancias actuais e poranse en marcha iniciativas nas que a cidadanía poderá participar de xeito individual e familiar, ademais de implicar tamén aos establecementos do comercio local.

Eu implícome contra a violencia de xénero consta de tres partes diferentes pero complementarias entre si. O proxecto Xanelas consiste na distribución de cen carteis ríxidos e adhesivos en formato globo de cómic con frases contra a violencia de xénero para colocar nas fachadas exteriores dos locais comerciais e das vivendas particulares que o soliciten.

O proxecto Selfie  contempla a colocación doutros cincuenta carteis de similares características en edificios municipais e espazos públicos accesibles á poboación. As persoas que o desexen poderán sacarse unha fotografía xunto ao globo de cómic coa frase que considere mellor representa o seu sentimento de rexeitamento á violencia de xénero e enviala ao Concello vía correo electrónico para ser publicada no Instagram @Xuventudelaracha. As tres imaxes que obteñan máis “gústame” serán premiadas cunha tableta, un reloxio intelixente e un altofalante portátil. Con esta iniciativa preténdese a divulgación viral da campaña de concienciación especialmente entre os colectivo dos mozos, acostumados a comunicar a súas ideas e pensamentos nas redes sociais.

As persoas, familias, establecementos e locais comerciais que desexen participar no proxecto Xanelas ou Selfie deben cubrir o formulario de inscrición que xa está dispoñible na sección de "avisos" desta web e ao remate deta nova.

A terceira das iniciativas Eu implícome contra a violencia de xénero consiste na distribución de bolsas e de máscaras de cor violeta que levan gravado sobre un lazo o lema “Eu implícome” e o escudo do Concello da Laracha.

Por outra banda, o programa municipal en torno ao 25 de novembro tamén inclúe unha función dentro dos Venres Teatrais relacionada coa temática da violencia de xénero. Será o 4 de decembro con Soa, espectáculo protagonizado por unha muller maltratada física e psicoloxicamente á que dá vida a actriz Rogelia dos Outeiros. A peza está dirixida por Fran Rei e inspirada no monólogo de Darío Fo La donna sola. Neste caso o Concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia dentro do programa FalaRedes e do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.

 

Formularios de inscrición:

Proxecto Xanelas

Proxecto Selfie