Concello
As bases específicas para A Laracha do programa PEL-Reactiva xa poden consultarse na web municipal
04/11/2020
Nos próximos días o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicará as bases específicas para A Laracha do programa PEL-Reactiva, convocado polo Concello e a Deputación da Coruña e dirixido a aquelas microempresas e traballadores autónomos cuxa actividade profesional se vise afectada pola crise do coronavirus. Nese momento abrirase o prazo de inscrición, que finalizará o 25 de novembro.
Ditas bases xa están dispoñibles para a súa consulta para que as empresas e autónomos que vaian solicitar beneficiarse do programa poidan comezar a preparar a documentación requirida. En todo caso as instancias deberán tramitarse a través da sede electrónica.
Teñen a consideración de gastos subvencionables dentro desta liña de axudas todos aqueles realizados entre marzo e o 31 de decembro de 2020 para:
- Compra de material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza
- Arrendamento do local de negocio ou instalacións (exclúense os espazos de coworking).
- Renting de maquinaria, máquinas, vehículos, etc.
- Adaptación de locais ás medidas de protección fronte ao COVID-19 (mamparas de protección, etc).
- Primas de seguros de responsabilidade civil e de accidentes.
- Subministracións de auga, gas, combustibles e electricidade.
As axudas do PEL-Reactiva son compatibles con calquera outra concedida por entidades públicas ou privadas, sempre que o importe total das axudas percibidas polo mesmo concepto non supere o custo total dos gastos subvencionables polas presentes axudas, e ata un máximo de 40.000 euros.
Entre o PEL-Reactiva, dotado cunha partida orzamentaria de 185.113,21 euros, e a liña municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19, no Concello da Laracha destinaranse máis de 400.000 euros a axudar economicamente ás empresas afectadas pola situación epidemiolóxica.
Consulta as bases do programa aquí.