• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os Venres Teatrais volven en novembro con cinco das mellores pezas galegas do momento

31/10/2020

Novembro é sinónimo de teatro na Laracha. Todos os anos o Concello organiza nese mes os Venres Teatrais con cinco das mellores pezas do panorama galego.

En todo caso a celebración do programa e as condicións de acceso estarán suxeitas a posibles cambios en función da situación epidemiolóxica e das medidas sanitarias e sociais que poidan establecer as autoridades competentes.

A día de hoxe a situación sanitaria limita a asistencia de público ao cincuenta por cento do aforo da Casa da Cultura e estipula a obrigatoriedade de que as persoas que ocupen o patio de butacas permanezan coa máscara posta durante toda a función. Ademais, debido á limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, decidiuse adiantar a hora de inicio das funcións con respecto a edicións anteriores e as obras comezarán ás 20:30 horas.

Cumprindo estritamente ditas medidas de seguridade, o Concello levará a cabo os Venres Teatrais co dobre obxectivo de ofrecer á cidadanía unha oportunidade para achegarse ás artes escénicas presenciando espectáculos destas características e de apoiar ao sector cultural, especialmente afectado pola crise do coronavirus.

A primeira cita será o venres día 6 con Vida de cans, a nova comedia paródica e metafórica da compañía ceense Talía Teatro dirixida a maiores de 13 anos de idade. Os actores Artur Trillo, Toño Casais e Dani Trillo protagonizan a obra, escrita e dirixida por Cándido Pazó.

O venres 13 será a quenda para Bernarda, da compañía Malasombra Producións. A protagonista, interpretada por Luisa Merelas (coñecida polos seus papeis en Matalobos, Fariña e Casa Manola), tras quedar viúva a mediados dos anos ‘70 pretende que todo continúe sendo igual que sempre e que as que considera malas influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen nin a ela nin ás súas fillas, ás que dan vida ás actrices Celia González e Esther Aja.

A comedia Papa ser cancelas traerá o venres 20 á Laracha a Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, tres xeniais “chefs” que preparan menús para diferentes personaxes entre o máis distinguido do panorama galego actual.

O día 27 en Chola, a IT Girl Laura Valverde porá en escena á protagonista da peza, unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber.

O pano dos Venres Teatrais pecharase o 4 de decembro con Soa un espectáculo protagonizado por unha muller maltratada física e psicoloxicamente á que dá vida a actriz Rogelia dos Outeiros. A peza, dirixida a maiores de 12 anos, está dirixida por Fran Rei e inspirada no monólogo de Darío Fo La donna sola.

Todas as funcións serán con entrada gratuíta por orde de chagada e ata completar o aforo máximo permitido.

Colaboran co Concello na organización dos Venres Teatrais a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco do programa FalaRedes 2020 e do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.

Cartel Venres Teatrais