Concello
Clasificadas as ofertas das 11 empresas que concorreron á licitación do contrato do servizo de axuda no fogar
29/10/2020
O Concello continúa avanzando no procedemento de contratación do novo servizo de axuda no fogar (SAF). No día de hoxe procedeuse a clasificar as ofertas das once empresas que concorreron á licitación como trámite previo á adxudicación, sendo a proposta de contratación a presentada por Siad 24 Galicia S.L.
Este novo contrato do SAF ten unha duración máxima de catro anos (dous prorrogables por outros dous máis) e un orzamento base total de 3.714.928,24 euros.
Os pregos que rexen o procedemento estipulan a previsión de prestar cada ano 12.000 horas de servizo básico e outras 47.334 de servizo de dependencia, sendo o prezo máximo por hora de 20,15 euros de luns a sábado e de 20,91 euros os domingos e festivos.
Os criterios de valoración foron a calidade do proxecto técnico, a proposta económica e melloras como o emprego dun programa de xestión ou o ofrecemento de servizos complementarios.
A empresa que resulte adxudicataria –previsiblemente, Siad21 Galicia S.L.- deberá subrogar o persoal que está a prestar o servizo na actualidade.
O SAF é un programa de xestión municipal fundamental para o apoio ás persoas con mobilidade reducida. Consiste na prestación dun conxunto de atencións no seu propio domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que os usuarios teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar. Trátase dun servizo de carácter complementario e transitorio, que non desvincula ás familias das súas responsabilidades, e cuxas finalidades esenciais son mellorar a calidade de vida das persoas posibilitando a permanencia no seu entorno de convivencia habitual e potenciando a autonomía persoal no domicilio.