ÚLTIMA FASE DAS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA SENDA PEONIL NA TRAVESÍA DA BARREIRA
12/07/2016
As obras dirixidas a consolidar o núcleo de A Barreira (parroquia de Torás) como unha travesía con beirarrúas están na súa última fase de execución. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de obras públicas, Jesús Souto, realizaron unha visita ao lugar no que se están a acometer as actuacións acompañados polo director da obra, comprobando persoalmente o avance nas mesmas.
Durante os próximos días está previsto completar os tramos de beirarrúa e de pavimentación do sobreancho que restan por concluírse. Coa sinalización horizontal e vertical e a instalación de mobiliario urbano en determinados puntos da nova infraestrutura completarase a actuación, na que o Concello da Laracha inviste 240.000 con fondos propios municipais.
O proxecto consiste na implantación dunha senda peonil continua na zona de protección da estrada DP-0513 desde A Barreira en dirección a Paiosaco, sendo o seu inicio no lugar no que finaliza a beirarrúa do núcleo de Estramil. A actuación estase a realizar a ambas marxes da vía e ata o límite co municipio de Arteixo, sendo a lonxitude lineal da nova infraestrutura superior aos 1.200 metros e cunha anchura media de 1,80 metros ao longo do seu percorrido.
A senda peonil xa conta coa canalización soterrada para a dotación da iluminación pública, así como a rede de recollida da augas pluviais. Tamén se incluíu no proxecto a renovación das tubaxes do servizo de sumidoiros.
Deste xeito cumprirase a vella aspiración do goberno local de dotar cun ámbito peonil aos veciños de A Barreira, mellorando a seguridade viaria e ofrecéndolle a esta zona os mesmos servizos que xa existen nos próximos núcleos de poboación laracheses, como son Estramil e A Cachada.