• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello compensará aos titulares de postos da feira de Paiosaco polas restricións ante o coronavirus

23/10/2020

A actividade que se desenvolve na feira de Paiosaco no primeiro e no terceiro domingo de cada mes é un motor económico fundamental para a vila e unha cita de especial relevancia para os comerciantes dos diferentes sectores que acoden a ela cada quince días ao tratarse dunha das feiras do norte da provincia da Coruña que rexistra un maior volume de persoas.

Neste ano as medidas restritivas acordadas polas autoridades sanitarias debido á crise do coronavirus nalgúns casos impediron a celebración de xornadas de feira e, noutros, limitou o número de postos de venda ao cincuenta por cento.

O recinto feiral de Paiosaco conta con 470 postos de venda de 3x3 metros cadrados de superficie asignados a un total de 214 comerciantes. Para cada un deses postos a taxa anual é de 28,50 euros. Os trámites para a liquidación das taxas están delegados na Deputación Provincial da Coruña, que xa comezou e emitir os recibos e a envialos aos titulares dos postos.

Unha vez rematado o período de pago voluntario, o Concello estudará individualmente caso por caso para compensar o importe da taxa. Tomaranse como referencia tanto os acordos das comisións municipais de seguimento ante a Covid-19 que se veñen realizando desde marzo como tamén a situación daqueles sectores comerciais aos que non se lles permitiu exercer a actividade nas feiras nas que existía a restrición do cincuenta por cento dos postos. Nestes casos compensarase, tamén, a parte proporcional da taxa daquelas xornadas.

Feira do 1 de novembro

A próxima feira de Paiosaco será o domingo 1 de novembro e as actuais medidas impostas pola Xunta de Galicia limitan a presenza de postos ao cincuenta por cento. Do mesmo xeito que noutras feiras nas que existiu a mesma restrición, o Concello permitirá en exclusiva a instalación de postos de alimentación por tratarse de produtos de primeira necesidade.