Concello
A Laracha acollerá un novo obradoiro de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes no medio rural
21/10/2020
O feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre o benestar, a saúde e a calidade de vida das mulleres que desenvolven dita tarefa (os denominados “custos do coidar”). En moitos casos ditas persoas, antepoñendo o coidado ás súas propias expectativas e proxectos de vida, ven afectada a súa saúde, a súa autoestima, o seu lecer e tempo libre, a súa vida familiar, as súas relacións, o seu traballo e por tanto a súa economía. Para estas mulleres a responsabilidade case exclusiva do coidado das persoas dependentes supón unha ruptura co seu proxecto de vida persoal, relegando os seus desexos e necesidades para atender aos doutras persoas, e sumíndoas así nun estado de depresión e illamento social.
Conscientes desta situación, e para paliar estas consecuencias, o Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un novo obradoiro presencial de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes en zonas rurais que dará continuidade aos realizados no último ano tanto de xeito presencial como en liña. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.
Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.
A formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación e autoestima pretende que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable, mellorar a súa calidade de vida e que se minimicen os riscos de saúde que corren na actualidade, asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras. Desta forma fomentarase o seu empoderamento persoal durante toda a intervención.
A formación impartirase na planta baixa da biblioteca municipal da Laracha os catro mércores de novembro (días 4, 11, 18 e 25) en horario de 10:30 a 12:30 horas. Cumpriranse estritamente as medidas de prevención ante a Covid-19.
A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais chamando ao 981612811 ou acudindo con cita previa ao edificio administrativo da Laracha.