Concello
O Concello porá en marcha a próxima fin de semana un programa de andainas por entornos fluviais
17/10/2020
O Concello organiza un programa de andainas por entornos fluviais do termo municipal co propósito de ofrecer á veciñanza a oportunidade de realizar unha actividade física ao aire libre –e, por tanto, coa maior seguridade ante o coronavirus- e descubrir lugares e paraxes de alto valor natural, paisaxístico e patrimonial pola riqueza etnográfica dos muíños de auga que se atoparán nos roteiros.
A primeira das andainas será o próximo domingo día 25 de outubro. Trátase dun percorrido circular de sete quilómetros e dificultade baixa-moderada a carón do río Bradoso, con inicio e fin na escola de Cumiáns. O bus partirá da Praza do Concello ás 9:30 horas.
A segunda cita será o domingo 8 de novembro cunha ruta de dificultade baixa e de sete quilómetros de distancia polo río Anllóns. A saída será ás 10:00 horas desde o IES Agra de Leborís e chegarase ata a parroquia de Cabovilaño, onde un bus levará aos participantes de regreso ao punto de partida.
Por último, o domingo 22 de novembro o protagonista será o río Acheiro. A andaina circular, de dificultade baixa, será de cinco quilómetros con inicio e fin no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Tamén haberá un autobús que partirá ás 9:30 horas da Praza do Concello.
As rutas deseñadas, de baixa dificultade, son aptas para persoas de todas as idades. Requírese inscrición previa chamando ao 981605001 ou acudindo á oficina municipal de información turística (planta baixa da Casa Consistorial).
Como medidas de seguridade, o número de prazas dispoñibles é limitado, será obrigatorio portar máscara durante as rutas e os técnicos municipais que guiarán as andainas tomarán a temperatura a todos os participantes e ofrecerán xel hidroalcohólico.