• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego actúa nas pistas polideportivas e no vestiario de O Vilar (Cabovilaño)

16/10/2020

Continuando coa fase práctica do obradoiro de emprego A Laracha V, o alumnado da especialidade de pintura industrial comezou a actuar na mellora doutra infraestrutura municipal. Nesta ocasión o obxecto da intervención é a pista polideportiva descuberta de O Vilar, na parroquia de Cabovilaño, incluíndo tanto a zona de xogo como os vestiarios.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, mantiveron un encontro co persoal do obradoiro de emprego no propio punto de intervención para coñecer in situ o desenvolvemento das primeiras actuacións, centradas na limpeza integral de ambos equipamentos.

Nos vestiarios estase realizando o repintado tanto do interior como das fachadas exteriores. Na pista repintarase toda a superficie –corrixindo os desperfectos que poida presentar en determinadas zonas- e marcaranse os diferentes campos de xogo. Ademais, serán mellorados tanto o peche perimetral de malla como os equipamentos deportivos (porterías e canastras).

Con estes traballos o Concello pretende potenciar o uso desta infraestrutura municipal como modo de promoción da práctica da actividade deportiva e, por tanto, dos estilos de vida saudables, especialmente entre a mocidade.

A mellora das pistas polideportivas de O Vilar e do vestiario anexo é só unha das actuacións que está a levar a cabo o obradoiro de emprego A Laracha V, o programa dual de formación e emprego promovido e financiado polo Concello e a Xunta de Galicia no que participan un total de vinte alumnos traballadores –dez na especialidade de pintura industrial e outros dez na de carpintería de madeira-, ademais das cinco persoas que forman o equipo directivo, docente e administrativo.

Outras intervencións da especialidade de pintura industrial localízanse no centro sociocultural de Paiosaco, Casa do Concello, Casa da Cultura e edificio administrativo da Laracha. A especialidade de carpintería de madeira centra a súa actividade na renovación da pasarela do paseo fluvial do Anllóns.

O obradoiro de emprego A Laracha V, que rematará no mes de decembro, ten un orzamento total de 863.000 euros. O Concello e a Xunta de Galicia continúan apostando por estes programas duais de formación e emprego que permiten aos alumnos-traballadores acceder a unha remuneración económica durante o seu desenvolvemento, aprender unha profesión e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal. Ao completar de xeito óptimo a especialidade correspondente, os alumnos recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para o exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.