• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Reunión da comisión municipal de seguimento ante a Covid-19

16/10/2020

O Concello da Laracha  regresou hoxe ao nivel 2 de alerta polo coronavirus tras descender a entre 14 e 21 o número de casos confirmados por PCR nos últimos sete días. Durante o día de onte o Concello superara os 21 casos, polo que ascendeu ao nivel 3 e por iso convocouse unha reunión da comisión municipal de seguimento ante a covid-19 que se celebrou hoxe coa participación de membros do grupo de goberno municipal –encabezados polo alcalde, José Manuel López Varela- e do xefe da Policía Local.

Na reunión tratouse a situación actual nos centros de ensino e informouse do reforzo nas limpezas que se leva a cabo nos colexios en horario extraescolar. Durante o horario lectivo, e desde que regresou a actividade ás aulas, en todos os centros educativos nos que a limpeza é competencia municipal realízanse a diario un mínimo de tres desinfeccións dos aseos, ademais de reforzar o servizo nas superficies de uso frecuente (pasamáns, pomos de portas, mesas, mobles, etc.), nas zonas privadas do persoal do centro e nos postos de traballo compartidos.

A situación actual da Laracha non requiriu do establecemento de medidas extra de prevención, polo que seguen estando en vigor as normas xerais establecidas pola Xunta de Galicia, sendo a última aprobada a limitación dos grupos a un máximo de dez persoas. Por tanto, continúa sen variacións a situación dos locais de hostalería e do resto de actividades comerciais. Isto inclúe a feira de Paiosaco, que poderá desenvolverse coa totalidade dos postos de venda do mesmo xeito que hai dúas semanas, na primeira feira de outubro.

Os membros da comisión tamén trataron o labor de apoio ás persoas que cumpren corentenas que se está a realizar a través do departamento de Servizos Sociais. Como accións máis importantes, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil presta servizo gratuíto para acudir a comprar alimentos e medicamentos.

Nese sentido, valorouse a coordinación entre os diferentes departamentos do Concello coa Policía Local para controlar o cumprimento das corentenas por parte das persoas e familias que deben realizalas.