O SERVIZO 4G CHEGARÁ AO CONCELLO DA LARACHA ESTA SEMANA
12/07/2016
As principais operadoras de telefonía móbil comezarán esta semana a ofrecer no termo municipal da Laracha as conexións de alta velocidade sobre tecnoloxía LTE (4G), un avance que permitirá mellorar a cobertura da banda larga de internet e alcanzar unha maior extensión xeográfica.
O despregue 4G enmárcase no establecido no Real Decreto 805/2014, de 19 de setembro, con data 1 de abril de 2015 no que se procedeu á liberación das frecuencias entre 790 y 862 MHz (canles 61 ao 69 de UHF) que ata entón se empregaban para a recepción da TDT (procedemento tamén coñecido como Dividendo Dixital). A partir diso, ditas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar o servizo 4G.
Para garantir a compatibilidade desta nova tecnoloxía coa televisión dixital terrestre (TDT), ditas operadoras puxeron en marcha Llega800, entidade encargada de solucionar de xeito gratuíto calquera afectación na recepción do sinal de televisión.
En primeiro lugar, todas as vivendas situadas nas zonas de maior afectación recibirán unha comunicación a través da que se lle informará de que a partir dese momento poderán solicitar –sen custe algún para eles- a adaptación da antena do seu edificio para evitar posibles incidencias. Ademais, tralo acendido das estacións a propia entidade Llega800 encargarase de atender aos posibles usuarios afectados, xestionando e resolvendo as afectacións rexistradas tamén gratuitamente. Neste caso os servizos serán xestionados a través do teléfono de atención 900 833 999 e da web www.llega800.es.
Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción pola inminente chegada da rede 4G ao noso municipio, coa que se proporcionarán significativas melloras na velocidade de navegación, descarga e subida de documentos, resolveranse certos problemas de cobertura en determinadas zonas por cuestións relacionadas principalmente coa orografía do terreo e facilitarase a penetración do servizo en zonas interiores dos edificios.